Saturday 04 de May de 2024

A Xunta destina máis de 320.000 euros a financiar programas de inclusión social en varios concellos da área metropolitana da Coruña


Apoiaranse programas de inclusión social dirixidos á poboación xitana, inmigrante e ás persoas en risco de exclusión beneficiarias da RISGA

A Consellería de Traballo e Benestar destinará este ano máis de 320.000 euros a financiar programas de inclusión social en catro concellos da área metropolitana da Coruña: A Coruña, Arteixo, Bergondo e Culleredo, así como no Consorcio das Mariñas. Con este orzamento, apoiaranse aquelas iniciativas dirixidas á poboación xitana, inmigrante e en risco de exclusión beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).

Nestes días, estáselle a comunicar aos concellos beneficiarios a concesión das axudas. O investimento desta convocatoria na comarca da Coruña distribúese do seguinte xeito: 119.590 euros para a comunidade xitana, 157.500 euros para os beneficiarios da RISGA e 46.465 euros para a poboación inmigrante.

En liñas xerais, as axudas contemplan financiar as seguintes actuacións: itinerarios personalizados de inclusión social e laboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, con carencias básicas no fogar, ou a erradicación do chabolismo; accións educativas enfocadas aos menores, asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións de residencia e traballo.

Ao abeiro destas liñas principais de traballo cos colectivos beneficiarios, levaranse a cabo medidas concretas como cursos de alfabetización dixital, accións formativas para obter certificados de profesionalidade, orientación e apoio ao alumnado ou aprendizaxe de linguas para a poboación inmigrante, entre outros. O obxectivo último de todas estas actuacións é o de acadar a inserción social e laboral destes colectivos.

Deste xeito, segue a mostrarse o compromiso da Xunta de Galicia con aqueles que máis o precisan mediante unha aposta a favor da inclusión e da integración social e laboral destes grupos, neste caso, na comarca da Coruña. No conxunto da provincia, investiranse máis de 520.000 euros en financiar estas iniciativas nun total de 9 concellos e unha agrupación de municipios que o solicitaron.